O martes/3ª feira 22 de decembro representantes da Asociación Veciñal As Marías reunímonos co Concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia Xan Duro. A nosa vontade primeira, trasladármoslle ao Concello as necesidades que levamos tempo a detectar no barrio e que, malia teren sido xa expostas aos anteriores grupos de goberno, non foron aínda atendidas nin resoltas. Quixemos tamén a través deste encontro pór voz ao descontento achegado en forma de queixas e propostas pola veciñanza, a través da recollida de información en follas colocadas en distintos establecementos da zona.
Importante para nós era non esquecérmonos de ningún dos territorios que integran o barrio, así que optamos por facer un percorrido rúa a rúa e como coñedoras da realidade presentada, aportarmos medidas que entendemos poden ser solucións para as eivas detectadas.
Na Rúa do Espíritu Santo fixemos fincapé no estado do firme, non apto para soportar o excesivo tráfico rodado actual. Así mesmo falamos da necesidade de reducir a velocidade permitida, de diferenciar de xeito claro a zona de transeúntes da de automóbiles e de retirar aqueles restos de postes de amarre ou sumidoiros que provocan estrondo ao seu paso e que tanto incomodan no día a día á veciñanza.
Na zona de Ultreia centrámonos no mal estado do pavimento da calzada e da beirarrúa, nas numerosas barreiras arquitectónicas coas que contamos nos accessos á Avenida de Salamanca ou á Pastoriza e no desatendemento das zonas verdes públicas.
En canto á Pastoriza e Basquiños, démoslle a coñecer a situación das rúas tras as obras e incidimos nos riscos reais unha vez xa rematadas, materializados en atropelos e accidentes. Falámoslle tamén deses espazos visibelmente descoidados como son as beirarrúas da Pastoriza ou da Travesa de Basquiños, que canda á falta de iluminación e aos cascallos que ficaron despois dos traballos de acondinamento contribúen a desvirtualos.
Para Santa Clara trasladámoslle a necesidade de atender ao estado das canalizacións e evitar así asolagamentos dos baixos das vivendas, de eliminar ou cando menos minguar as barreiras arquitectónicas existentes, o valor de agrupar os sinais que están fóra de uso, de aquelar as zonas de xardín e de atopar algunha solución para reducir a perigosidade do paso de peóns na intersección que comunica Santa Clara e A Estila.
Para a A Estila e a Avenida de Coimbra reforzamos a idea que xa fora identificada por algunhas veciñas e veciños do amaño total da estrada e mais das beirarrúas, moi deterioradas pola antigüidade e polo tránsito masivo derivado das obras de Basquiños. Solicitamos tamén o coidado da zona axardinada que se atopa fronte ao Colexio Maior La Estila e a adaptación á normativa europea do parque infantil sito ao fondo da propia avenida.
Para a Avenida de Salamanca e a Rúa de Oviedo pedimos o seu arranxo íntegro, achegando fotos do pavimento, en total estado de deterioro, abordamos a importancia de buscar alternativas ás barreiras arquitectónicas na zona de Oviedo e do saneamento da rede de sumidoiros.
Para rematar, quixemos aproveitar esta convocatoria para lle achegar á Corporación Municipal iniciativas concretas que atenden á calidade de vida das persoas que habitan no noso barrio, reflectidas nalgúns dos proxectos nos que andamos a traballar como son o acceso ao Parque Bouza Brei salvando Xoán XXIII, o servizo de empréstimo Prestogal Veciñanza e a recuperación para uso público da Finca da Estrela.
Cada unha das situacións e problemáticas presentadas, como xa comentabamos, ían acompañadas de fotografías e propostas de mellora.
Agardando ter cumprido coas vosas peticións e necesidades, aproveitamos este informe para vos felicitar o novo ano. Desexamos que no 2016 sexamos quen de conseguirmos xuntos e xuntas todas esas melloras areladas para o noso barrio!
Asdo. Asociación Veciñas As Marías